Sunday 05 de May de 2024

O trofeo Miguelito de judo reúne no Coliseum a máis de 2.200 judokas de toda Galicia


Inés Rey destacou o labor da organización e a grande asistencia presente nesta 34 edición dun referente do deporte coruñés

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asistiu este domingo á celebración da edición número 34 do trofeo Miguelito de judo. A popular competición recuperou o seu formato sen limitacións pola pandemia e reuniu no Coliseum a máis de 2.200 participantes das diferentes modalidades e chegados de clubs e escolas de toda Galicia.

O trofeo é xa un dos referentes do deporte coruñés e amosouno durante esta intensa mañá. Máis de 15.000 persoas asistiron como público á competición nas diferentes quendas organizadas. As persoas participantes dividíronse en tres quendas. En cada unha delas hai 20 tatamis, con vinte parellas en cada un, sendo aproximadamente 800 judokas en cada sesión.

Inés Rey, que estivo acompañada pola concelleira de Deportes, Mónica Martínez, destacou o papel deste trofeo a nivel local, pero tamén a nivel autonómico e nacional. “O Miguelito leva moitos anos mobilizando a mocidade e fomentando un ambiente san e deportivo entre ela. Incluso durante o ano da pandemia organizouse un Miguelito virtual que tivo miles de participantes”, sinalou a alcaldesa.

Co regreso do trofeo Miguelito na súa versión previa á pandemia, a cidade recupera un referente do deporte base. A competición goza dunha gran repercusión e respecto internacional. A organización recibiu nos últimos anos visitas de técnicos de judo de Portugal, Francia, Perú, Italia ou República Checa, co obxectivo de implantar un modelo similar nas súas federacións.